O Museo dispón dos recursos e servizos necesarios para imprimir ao seu labor unha dinámica acorde coa función social da institución.
O Departamento de Conservación custodia as coleccións, debidamente catalogadas e clasificadas, velando pola súa conservación e poñéndoas a disposición da investigación.
A Biblioteca, especializada en antropoloxía, museoloxía e cultura galega, atende un crecente número de investigadores e estudosos. Complementa este fondo o Arquivo documental.
A relación co público canalízase fundamentalmente a través da actividade do Departamento de Educación e Acción Cultural.
O Servizo de Publicacións ocúpase de editar as actas e documentos resultantes da actividade científica e expositiva, xunto a varias series divulgativas de ampla difusión.