O Museo do Pobo Galego ten nos seus socios un dos seus alicerces básicos, por ser os socios o xeito de participación da sociedade na vida do Museo e a vía para lograr que este sexa unha institución de tódolos galegos e galegas. A través da asemblea que se celebra anualmente na primeira quincena de maio, os socios elixen 10 representantes no Padroado, órgano soberano do Museo, por un período de catro anos. A súa vez destes 10 representantes dous son elixidos para representar os socios na Xunta Reitora, órgano executivo da entidade.
O Museo conta con tres clases de socios:
Socios ordinarios, que poden ser individuais ou institucionais. Esta condición adquírese a solicitude da persoa ou entidade interesada e, a máis dos dereitos que lle corresponden como tal (entrada de balde, recepción de información das actividades programadas, descontos na tenda e nas publicacións do Museo e dereito a participaren nas actividades organizadas para os socios), colabora na consecución dos fins do Museo a través da cota de socio que se pode aboar de maneira mensual, trimestral, semestral ou anual, segundo os mínimos establecidos*. O pagamento da cota dá dereito a desgravación fiscal.
Socios Protectores. Son aquelas persoas físicas ou xurídicas que polo seu especial apoio ao Museo son designadas como tal polo Padroado. A súa achega e a súa vinculación coa entidade fannos acredores a esta condición. Reciben un Diploma acreditativo, poden usar as instalacións do Museo para actividades de carácter cultural ou corporativo con prioridade sobre outras entidades e gozan dos correspondentes beneficios fiscais, entre outras vantaxes.
Socios Patrocinadores. Son aquelas persoas físicas ou xurídicas que pola relevancia do seu apoio ao Museo son designadas como tal polo Padroado. A súa achega económica ou en especie e a súa vinculación coa entidade fannos acredores a esta condición. Reciben, ao igual cós socios protectores, un Diploma acreditativo, poden usar as instalacións do Museo para actividades de carácter cultural ou corporativo con carácter prioritario, organizar unha visita anual de empresa e gozan dos correspondentes beneficios fiscais, entre outras vantaxes.
Tanto os socios protectores coma os patrocinadores son recoñecidos como tal no acceso do Museo, na web e en ADRA, a revista dos socios.
Para contactar cos representantes dos socios ou para manifestar suxestións, pode dirixirse á conta de correo socios@museodopobo.gal
Para axilizar a comunicación entre os socios e a institución, economizar no uso de papel e custes de expedición, e simplificar o traballo administrativo, o Museo dispón dunha lista de distribución por correo electrónico. As persoas que dispoñan desta utilidade deberán solicitar a inclusión na lista enviando unha mensaxe á administración, info@museodopobo.gal