Fernando Acuña Castroviejo (10 de abril de 1945 - 13 de setembro de 2016)
O catedrático de Arqueoloxía da USC, vicepresidente do Padroado e patrón fundador do Museo do Pobo Galego Fernando Acuña Castroviejo naceu en Santiago de Compostela en 1945. Aínda que comezou a cursar a carreira de Ciencias, logo a abandona para atender a súa verdadeira vocación e inscribirse na licenciatura de Filosofía e Letras, sección de Historia, da Universidade compostelá. Grazas á súa integración no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, que proseguiu parte do labor do Seminario de Estudos Galegos, poderá desenvolver a súa paixón pola arqueoloxía, xunto aos seus compañeiros J. Carro Otero, M. Carlos García Martínez e J. M. González Reboredo, e coas leccións de Fermín Bouza Brey. As súas primeiras incursións arqueolóxicas comezaron no sitio medieval do castelo compostelán da Rocha Forte, onde volvería traballar posteriormente coa doutora Raquel Casal. En 1973 acada o Doutorado en Historia, coa tese Galicia romana: artes plásticas, dirixida por Alberto Balil, que será o seu mestre, con quen inicia as escavacións do Castro Neixón en Boiro e as Torres do Oeste de Catoira, momento no que se reprograma a investigación en Arqueoloxía en Galicia.
O profesor Acuña acadou a súa cátedra en Arqueoloxía en 1987, desempeñándoa até que se xubila en 2015. Docente de historia antiga, arqueoloxía clásica, numismática e epigrafía, polas súas clases pasaron gran parte das novas xeracións de historiadores galegos. A súa obra é unha referencia na arqueoloxía do Noroeste peninsular, tendo traballado en xacementos de toda Galicia, norte de Portugal e Asturias. Precisamente, sempre tivo moita relación cos investigadores portugueses, abrindo o estudo arqueolóxico alén do Miño, a todo o territorio da antiga Gallaecia.
É autor dunha ampla bibliografía, traballou en numerosos proxectos nomeadamente galaico-romanos, mais tamén do megalitismo, arte rupestre ou medievo. A súa última obra publicada é O ensino da Arqueoloxía na Galiza entre o franquismo e hoxe (Rev. da Faculdade de Letras, da Universidade do Porto, 2014).
Cando en 1976 se crea o Museo do Pobo Galego foi un dos seus fundadores, ocupando actualmente o cargo de vicepresidente do seu Padroado. As súas doazóns numismáticas foron unha das achegas, coa súa biblioteca, que realizou aos fondos do Museo, onde, unha vez xubilado, continou as súas investigacións.
Máis alá da dedicación profesional, hai que destacar a súa entrega e o seu compromiso como cidadán consecuente con Galicia o que manifestou coa súa participación en diversas iniciativas para un mellor coñecemento da personalidade colectiva e cultural do país. Entre elas, o propio Museo.
Esta mañá falecía na súa casa de Paizás en Vedra. A capela ardente instalouse no Tanatorio do Hospital Clínico de Santiago de Compostela. O funeral e posterior sepelio serán mañá ás 12h00 en San Andrés de Trobe, Vedra.
De martes a sábado:
11:00 - 18:00 horas
Domingos e festivos:
11 - 14 horas
LUNS PECHADO
24 e 31 de decembro, 5 de xaneiro: 11 - 14 horas
Peche anual:
1 de xaneiro (Aninovo) e
25 de decembro (Nadal)
Entrada ordinaria:
4 euros
Entrada reducida:
1,50 euro (maiores de 65 anos, estudantes maiores de 18 anos)
Entrada gratuíta:
socios do Museo (acompañantes 3 euros), estudantes menores de 18 anos e traballadores no paro
Grupos a partir de 6 persoas:
3 euros por persoa
Visita a exposicións temporais:
gratuíta
Entrada libre:
Domingos
18 de maio (Día dos Museos)
25 de xullo
29 de outubro (aniversario do MPG)
C/ San Domingos de Bonaval,
15703, Santiago de Compostela.
tel. 981-583620 / fax 981-554840
email: info@museodopobo.gal
Existe a posibilidade de organizar visitas para grupos previo contacto
Para poder visualizar a visita virtual é necesario ter instalado:
· QuickTime.
Descarga