Novas
Últimos días: As Irmandades da Fala no Museo do Pobo Galego
07-07-2016
As Irmandades da Fala volven á vida nunha exposición onde se poderán ver, escoitar e sentir os obxectos, sons e imaxes do movemento cultural e político que mudou a historia de Galicia. No centenario do seu nacemento, o Museo do Pobo Galego organiza esta exposición xunto coa Real Academia Galega e a Deputación da Coruña.
O percorrido expositivo relata a historia das Irmandades a través de dez temas que profundan na súa cerna. Cada un deles desenvólvese nunha cabina na que se poden ver publicacións, documentos, imaxes e obxectos, e até escoitar gravacións musicais e de discursos e artigos de persoeiros da época. Poderase contemplar ademais unha escolma de pezas artísticas vencelladas aos temas e motivos que moveron a acción das Irmandades dalgúns dos artistas máis relevantes daquel tempo.
Ademais das fotografías e documentos reproducidos, a exposición xunta unhas 130 pezas, documentos orixinais e primeiras edicións prestadas para a ocasión por máis dunha trintena de institucións e coleccións particulares. Entre as pezas integradas nas cabinas, figuran obxectos persoais como as lentes de Vicente Risco e de Ramón Cabanillas, os carnés das Irmandades da Fala de Ramón Villar Ponte e Antonia Pardo; o manuscrito autógrafo de Arredor de si, de Otero Pedrayo, outro texto manuscrito do programa da I Asemblea Nacionalista ou a carta-nota ao gobernador civil que anuncia que a Irmandade da Fala se converterá no Partido Galeguista. Tamén se poderán escoitar sons históricos como a primeira gravación do Himno galego, a cargo do Coro Cantigas e Aturuxos de Lugo.
A través dos dez espazos, o público poderá achegarse á orixe do movemento e á súa evolución, desde a acción centrada en primeiro lugar na normalización do idioma ata a intervención política e os seus principais protagonistas (os irmáns Villar Ponte, Lois Porteiro Garea, Lois Peña Novo, Antón Losada Diéguez, Vicente Risco…); o novo rexurdimento literario, da man de autores como Ramón Cabanillas, Manuel Antonio, Ramón Otero Pedrayo e Rafael Dieste e de editoriais como Céltiga, Lar ou Nós, dirixida por Ánxel Casal; o intento de conformación dun teatro galego que superase o ruralismo e a aposta polos coros como xeito de chegar ás masas; o compromiso cunha arte galega exemplificada na obra de Castelao, Álvaro Cebreiro, Camilo Díaz Baliño ou Francisco Asorey; o cultivo das ciencias sociais e experimentais ao servizo de Galicia, que callou arredor da creación do Seminario de Estudos Galegos, a creación das Escolas do Insiño Galego ou a importancia que lles concederon aos medios de comunicación as Irmandades, que se dotaron do seu propio voceiro, A Nosa Terra, e promoveron a reaparición d'O Tío Marcos d'A Portela, entre outras cabeceiras editadas en Galicia e na diáspora.
Saúde e Terra, irmá(n)s! dá ademais visibilidade á participación das mulleres nas Irmandades da Fala, que apostaron desde o primeiro momento pola "igualdade absoluta, política e civil da muller e do home". Esta declaración dunha asemblea de irmáns e irmás reflicte o compromiso político do movemento nuns tempos nos que o voto feminino aínda tardaría anos en chegar. As mulleres loitan na Irmandade Feminina, creada na Coruña en 1918, participan no teatro, aparecen nas palestra dos mitins e algunhas colaboran n'A Nosa Terra. Con dirixentes como Amparo López Jean, Micaela Chao, Elvira Bao ou María Miramontes, empezaron sendo un medio cento, pero na década dos anos 30 a cifra foi en aumento ata chegaren a ser o 10% da militancia do Partido Galeguista.
O proxecto expositivo de conmemoración do centenario das Irmandades da Fala organizado pola Real Academia Galega, a Deputación da Coruña e o Museo do Pobo Galego conta co apoio de catorce entidades colaboradoras: a Real Academia Galega de Belas Artes; as fundacións Penzol, Otero Pedrayo, Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Castelao, Alexandre Bóveda, Isla Couto, Antonio Fraguas, Galiza Sempre e Moncho Reboiras; o Museo de Pontevedra, o Departamento de Galego-Portugués da UDC e Galiza Cultura. Alén diso, a exposición é posible tamén grazas aos préstamos e colaboración doutras institucións.